30 de março de 2006

O BRINDO DE OURO. II. A TÁBOA DA HOSPITALIDADE

CAPÍTULO I
HORXES DE GUERREIROS
A lúa chea escintila nas súas peles acibeche e ilumina as pingas de orballo que esvaran polas costas e os longos cabelos negros.
Os guerreiros, ocultos por piornos e espiñeiros, observan aos pastores que veñen de gardar o gando.
Os animais fedellan, inquedos; tremen dentro da sebe e vanse arrecunchando coma se ventasen unha manda de famentos lobos.
Os pastores arxinas, despreocupados, alleos ás olladas que firen a escuridade, pousaron arcos, machados e as longas aguilladas, e agora asan touciño no remol mentres falan, animados, da reconstrucción das aldeas e do duro traballo que lles custou volver xuntar os rabaños logo de que os servos da Bruxa dos Broncedos queimasen as pallozas e dispersasen aos animais.
Tras os valados, a horxe de guerreiros aloumiñan os arcos de teixo, tan fortes que poden atravesar as coirazas ou afundirse na madeira coas súas frechas negras.
Un riso cruel deixa ver as dentamias afiadas. ¡Hoxe cazarán ao axexo!
Ollando cara ás estrelas, no resío da noite, ao prateado luar, pintaron os seus corpos con cinsa de carballo e loira de tinxiduras. Vestiron enriba peles de lobo e oso ata o van, xa que moitos gostan de levar na loita o peito ao descuberto.
Agora, sentindo a ollada de lume frío do xefe ás costas, como un vento do nordés no que cabalgan ao encontro do inimigo, gorantan a presa de gando resgardado na sebe, e tamén a dos nada precavidos arxinas, que comen con degoiro ao redor da fogueira, ignorando que os guerreiros que os vixían descoñecen o medo, pois teñen o perecer na loita como a maior das vitorias...

FOTOS DO COUREL

Tanto a primeira foto como a que acompaña a esta entrada son dunha persoa que sabe reflexar moi ben coa súa cámara a maxia da miña terra, o Courel. O seu nome é Luz. Podedes visitar a súa galería de fotos en http://spika.net/luz/.
Mentres Luz mo permita, ela porá luz neste lugar.
Unha forte aperta, Luz.

27 de março de 2006

BENVIDOS A ABELLONENIA

Saúdos para todos os visitantes deste blog, ABELLONENIA, que comeza arestora a súa andaina. Convídovos a visitar esta terra de xarias. Unha aperta.