26 de dezembro de 2008

O APALPADOR 2008

Cantiga de Amadora de Galego (O Courel).
Vai-te logo meu ninín/niniña,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.
Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Cantiga de Amadora de Galego, labrega de 79 anos, en Romeor do Courel (Recollida en 1994 por José André Lôpez Gonçâlez).

20 de dezembro de 2008

TRES MERLOS BRANCOS

Velaquí un novo libro, no que se recolle un relato meu premiado no Manuel Murguía do Concello de Arteixo no ano 2006.

12 de dezembro de 2008

INMERSIÓN

O informe do Consello de Europa subliña que a poboación castelánfalante "semella non ser suficientemente consciente" do carácter multilingüe da sociedade española. O comité de expertos recomenda ás autoridades "promover as virtudes do multilingüismo e da diversidade lingüística", tanto nos grupos maioritarios como nos minoritarios. Finalmente, o informe destaca que os medios de comunicación tamén "amosan pouco interese" pola diversidade das linguas.

1 de dezembro de 2008

NEVA COMA NUNCA NEVOU

Nota Prensa da Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel.
O Courel está pechado por a neve, e sen luz e sen teléfono dende fai máis de 24 horas. Mentres moitos políticos galegos e os seus amigos de Valdiorras están esquiando a máis de 2500 ou nun balneario o quente, o Courel está pechado por a neve, ao non poder transitar por os portos de paso obrigatorio, algúns deles de menos de 900 metros. Calquera pode entender a zozobra da xente con problemas de saúde ou que ten nenos, neste concello tan rico e tan pobre.O feito de que non haxa luz, inutiliza a telefonía móbil por deixar de funcionar os repetidores ou ao non poder cargar as baterías, sobre todo aquelas persoas que non dispoñen de cargador de coche, ou non teñen coche.Esta asociación ben denunciando dende fai anos a vergoñenta asistencia sanitaria de emerxencias no Courel, así como a problemática das estradas, que son diseñadas, non para o servizo dos veciños, senón para os intereses dos Concellos veciños, con máis votantes, ou intereses de industrias terceiromundistas en decadencia e ruína.Non é tan importante mencionar agora, que o Courel quedou baleiro de visitantes, que tiñan reservado dende fai meses, e hoxe puideran estar desfrutando do Courel.Pero xa sabemos o final desta historia macabra, como xa ten pasado noutras nevadas, despois de horas ou días de suspense dramático, aparecerán os heroes oportunistas, e quitando a neve das estradas as super excavadoras das famosas industrias desta Serra , ás que os sucesivos gobernos axudan despoboando as aldeas para que non teñan estorbos.Saúdos.
Así é. Xa vai para catro días que non podo falar cos meus pais en Seoane do Caurel. Non viña mal facer un látego con cordas e imitar o relatado en Juan 2, 13-22.