24 de março de 2009

UN LUGAR DE RESIDENCIA LITERARIO

“Creo mucho en la idea de frontera como lugar de residencia, que es lo que ocurre con los géneros literarios. Me seduce la poesía con un componente narrativo, los cuentos que indagan de manera poética en el lenguaje. No creo que la única encargada de crear lenguaje sea la poesía; la narrativa tiene una obligación parecida; la poesía puede insuflarle una emoción especial a la narrativa sin caer en ninguna retórica. La escritura es una mesa que se sostiene en varias partes. Estas partes son ensayo, poesía, narrativa y cuento”.
Andrés Neuman.

19 de março de 2009

NOITE DE REIS

O martes 17 de marzo fun ver ao Centro Dramático Galego no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Representaban Noite de Reis, de W. Shakespeare, semella que de moda ultimamente, en versión e dirección de Quico Cadaval. Encantoume. Divertidísima, ben interpretada malia a sinxeleza do escenario. Puro traballo actoral. E, coma a min, a todos cantos viron a obra, bastantes, que aplaudiron con forza o traballo do elenco actoral, a moi bo nivel en xeral, destacando, na miña opinión nada especializada, o traballo de Víctor Mosqueira como Festas (o tío canta, baila e o que lle boten), o de Marcos Orsi como Malvolio (gargallada pura o seu intento de sorrir) e Xan Cejudo como André. Malia o seu curto papel, gustoume tamén o traballo de Borja Fernández. Moito galego no Círculo esa tarde, algúns ben coñecidos e populares.
A obra, unha reflexión sobre o amor e a estupidez, pescudando con intelixencia na importancia dos sentimentos tanto no home coma na muller, conservando con acerto o xogo isabelino do equívoco entre sexos, que aínda segue ben vixente.
Magnífica a iniciativa da Mostra de Teatro das Autonomías, que permite aos que ficamos aquén do Padornelo poder disfrutar do mellor teatro que se fai en Galicia. E noraboa a Quico Cadaval, que tamén presenta nesta Mostra outra das súas obras: OBRA (NO COMENT), interpretada por Borja Fernández, Marcos Orsi e Víctor Mosqueira.
Para rematar, quedo cunha frase de Malvolio: Ser ou non ser, é cuestión de sorte...

9 de março de 2009

O LIBRO GALEGO DESTRUÍUSE

-Non, pero cambiou moito. Hoxe non se le e non se compran libros. O libro galego destruíuse, fixeron pan para hoxe e fame para mañá. Non hai ningún produto no mercado que poida subsistir sen promoción, ningún. O Goberno gasta moitos cartos no que lle chaman promoción, pero eses cartos van destinados a subvencionar aos editores, e o libro non chega a onde ten que chegar. Regálanse moitísimos libros en galego, hai a idea de que non fai falta compralos. Agora, a fame que anunciei hai vinte anos, xa chegou. Teñen almacéns ata o teito e non os poden resistir, e os regalan ou os guillotinan para que non se saiba.

6 de março de 2009

SE NON RESIDES, TAMÉN DECIDES

Concordo punto por punto co artigo de Manuel Rivas no País. Pola miña parte, non estou disposto a asinar nada que propoña o recorte dos dereitos dos emigrantes, de galegos, emigrantes coma min, e que, por necesidade, ou por outros motivos, teñen que vivir lonxe, o cal non significa que deixen de ser o que queren ser. Paréceme unha idea retrógrada, insolidaria, e impropia de alguén que se considere "progresista". Que se controle ese voto, votando en urna, por exemplo, para que dunha vez deixen de votar os mortos, é algo que xa está tardando, que todos din que van arranxar, pero que ninguén toca. ¿Por que será? Tamén me estraña, coma a Rivas, que xente á que estimo teña asinado o manifesto de Se resides, decides. Sobor de todo, vivindo no mundo no que vivimos, no que pensas que vas por territorio galego, e resulta ser norteamericano.

1 de março de 2009

FONTE DO MILAGRE: FELIZ ANIVERSARIO

Dez anos de infatigable e desinteresado traballo pola cultura do Courel merecen a noraboa. A Asociación Fonte do Milagre, sen apenas axudas nin subvencións, só coa ilusión e a contribución dos seus directivos e socios, leva feito e fai un labor admirable. Sempre recibín o seu apoio para a presentación dos meus libros, e a Festa da Pisa da Castaña de Froxán, grazas a eles e ao seu esforzo, xa é unha referencia en toda Galicia. Unha forte aperta para todos eles.