29 de abril de 2009

A LÚA DOS EVERGLADES NO ANUARIO GRIAL

"En canto á calidade excepcional dunha obra como A lúa dos Everglades, de Xesús Manuel Marcos (Xerais, Premio Terra de Melide), deberá servirnos de chamada de atención a todos os axentes implicados na proxección da nosa literatura para vencer a invisibilidade que -por diversas razóns- padecen autores e autoras de baixo perfil público e que prexudica a difusión de obras como a citada, redonda coma poucas das publicadas este ano. Nela o autor emprende unha abordaxe orixinal do vello tema da emigración, demostrando que en literatura sempre é posible deitar unha ollada nova sobre asuntos aparentemente esgotados. Estruturada en tres planos diexéticos que avanzan nunha alternancia perfectamente equilibrada e que rematan por converxer, malia sucederen en lugares tan afastados como Miami, Buenos Aires ou Madrid, A lúa dos Everglades explora facetas pouco habituais do tema e que o insiren nos problemas da sociedade actual. A vellez, a violencia, a ambición, a soidade..., adquiren aquí un matiz de emoción e de urxencia que nace da pescuda no pasado e da intuición certa da proximidade da morte".

Dolores Vilavedra.

Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos 2007.

21 de abril de 2009

EFECTOS DA PRIMAVERA

Non é que sexa eu devoto de bandeiras, himnos e demais. Agora ben. ¿Imaxinan vostedes a algún Presidente, Ministro, Conselleiro, etc, dicindo que a bandeira que o representa (é un dicir) lle produce alerxia? Isto só o poden dicir algúns/unhas. Algúns/unhas que sinten que esa bandeira non os representa, craro. Que lles é allea. A deles/as é outra, e non a que tiña alí posta o seu antecesor.